REGUEIFAS. Obradoiro impartido por Lupe Blanco

 O mércores 16 de novembro achegouse ata o noso centro Lupe Blanco para falarlle ós alumnos/as de 1º e 2º ESO das regueifas.


Explicounos en que consiste ser regueifeira ou regueifeiro. Os regueifeiros comezaban a cantar nos bares e tabernas, meténdose os uns cos outros mentres xogaban a partida, sempre con moita retranca. Antigamente estaba mal visto que unha muller fose regueifeira, porque tamén estaba mal visto que fosen a unha taberna, espazo no que practicaban os regueifeiros antes de seren invitados a vodas e festas parroquiais para demostrar as súas habilidades á hora de improvisar coplas.

A primeira muller regueifeira foi Leonarda de Tallo, aló polo s. XIX.

Lupe tamén nos falou de figuras similares ós regueifeiros en distintas zonas de Galicia, de España, e de América Latina.

No Courel, invitaban ós “brindos” para cantar nas vodas. O brindeiro era unha especie de trobador que cantaba coplas menos retranqueiras que os regueifeiros. Por outra banda, na comarca do Ulla atopamos ós “Xenerais do Ulla”, e en Vilariño do Conxo (Ourense) celebraban as “bombas” nas que competían de xeito grupal. Lindando con Portugal, existen os “desafíos”.

O País Vasco é o territorio de toda a península onde máis valor se lle dá a estes cantos improvisados. De feito, mesmo celebran un mundial moi concorrido cada tres anos.

A nivel internacional, considérase a Cuba como a “catedral da improvisación”, con personaxes recoñecidos como Alexis Díaz Pimienta.


Durante a segunda parte do obradoiro, Lupe ensinounos a estructura dunha regueifa e invitounos a todos/as a crear as nosas propias coplas.





Graciñas Lupe por facernos esta visita e por ensinarnos a regueifar!

Ata pronto!


Comentarios