Visita da atleta Rocío Alvite ao alumnado de 1ºESO

O venres 1 de decembro recibimos a visita da atleta Rocío Alvite Ferreiro, quen mantivo un encontro co alumnado de 1º de ESO do centro.


A lectura proposta desde a materia de Lingua Galega e Literatura para este primeiro trimestre foi a novela de María Reimóndez Corredora, que conta a historia dunha rapaza etíope que encontra no atletismo a maneira de facer realidade os seus soños.

Rocío Alvite faloulle ao alumnado do xeito en que organiza os seus adestramentos para compatibilizalos co seu traballo e a súa vida familiar (é nai dunha nena de tres anos), das dificultades engadidas que teñen as mulleres deportistas para atender a súa paixón, de como leva os períodos en que non pode correr por mor das lesións e das moitas gratificacións a nivel físico e mental que proporciona a práctica deportiva.


Rocío, especialista en probas de longa distancia, gañou en varias ocasións o circuíto de carreiras da Costa da Morte, e ten tamén outros triunfos a nivel autonómico, nacional e mesmo europeo: en 2016 proclamouse campioa de Europa de 10.000 metros na categoría de maiores de 35 anos. A maiores, é a promotora do club de atletismo Mulleres da Costa da Morte, composto integramente por corredores femininas.


Foi un encontro formidable e desde aquí queremos agradecerlle a Rocío a súa xenerosidade por compartir o seu tempo connosco. Porque é unha grande atleta, unha gran muller... e ademais é de Mazaricos!

Comentarios