NO CPI A PICOTA XA TEMOS A AULA CELSO EMILIO FERREIRO



Seguindo coa actividade de porlles nomes ás nosas aulas de persoeiros da cultura galega, este ano  eliximos a un fillo de onde o mundo se chama Celanova, si, Celso Emilio Ferreiro. Xa durante todo o mes de abril se estiveron a facer actividades previas para ir recordando a súa figura, entre elas unha Unidade Didáctica sobre a súa vida e obra que o equipo de biblioteca pasou ás distintas aulas. Na entrada do centro colocouse un mural sobre a súa obra poética elaborado polo profesorado de E.Secundaria que contou coa colaboración de Luísa, a nosa administrativa. Asemade a música ambiental dos cambios de clase e dos recreos foron poemas de Celso Emilio musicados por diversos artistas.





 En E. Infantil e Primaria preparáronse varios murais sobre a súa vida e obra, nas fotos vemos a algúns dos alumnos que colaboraron na súa elaboración. O encrucillado sobre Celso Emilio completámolo entre todos, así cada clase tivo que poñer unha das palabras que o formaban. Dende biblioteca tamén se propuso un concurso, no que os máis pequenos tiñan que ordenar os versos do poema “Longa noite de pedra” para versionar o poema de Mª Soliña.

















O alumnado tamén tiña preparada algunha cousiña para agasallar aos nosos convidados! Así, os máis pequenos dramatizaron, á  súa maneira, “Longa noite de pedra”; foi un intre máxico que o propio Luís Ferreiro, ao que  vemos na foto levantándose cámara en man, quixo inmortalizar sacando algunha foto. Se queredes podedes ver o vídeo :










Logo  alumnos de 4º, 5º e 6º, que tiñan traballado na aula co poema de María Soliña,  versionandoo, leron as súas propias versións do poema.



Para rematar o acto  tivemos un tempo para asinar! María e Yeray pedíronlles aos convidados que asinaran no noso libro de visitas. Carme deulle a firmar a Ramón Nicolás a súa biografía sobre Celso Emilio e Ánxela pediulle a Luís Ferreiro que lle asinara un libro de seu pai, para ter un recordo de tan fermoso día.







A continuación celebrouse o acto con E. Secundaria, que tamén foi inesquecible. Os encargados de presentar o acto, todo 3ºC, fixeron unha presentación con recitado incluído e logo déronlle unha primeira sorpresa aos convidados ensinándolles o vídeo que se fixera cunha escolma de versos do poeta recitado por alumnado de todas as idades do centro.



Logo presentáronlle ao resto de alumnado aos convidados e despois da intervención de estes  había algunhas actuacións preparadas polo profesorado e o alumnado de E. Secundaria. A música veu coa profe Ana, tocando a guitarra con Lucía, e Andrea, con Alicia na percusión e Araceli na voz e o teclado, para musicaren “Eu en ti”, poema que foi cantado por todo o alumnado presente no acto.

No seguinte enlace podedes ver unha gravación previa ao acto, se ben o son non é moi bo: 



Os alumnos de 2º da ESO recitaron “Deitado frente ao mar” poñendo versos da súa colleita e referidos a Mazaricos, no seguinte  vídeo feito previamente e do que logo se lle recitou en directo: 





 Como no anterior acto, o García foi o encargado de pór o rap, e entre outras cantou, na súa especial maneira, “Son un pasmón”. Logo sacou fotos co alumnado moi amablemente.
E para rematar o acto destapouse a placa da aula Celso Emilio, despois do cal o centro agasallou á fundación Celso Emilio Ferreiro,  cun cadro co seu retrato, elaborado polo noso artista Álvaro de la Vega coa axuda de alumnado de E. Secundaria , e que recolleu no nome desta o seu fillo Luís.



Comentarios