Visita do escritor Manuel Iglesias Turnes. 4º ESO

A tarde do martes 20 de novembro, o alumando de 3ºESO recibiu a visita do escritor galego Manuel Iglesias Turnes.


Contounos a súa experiencia como un rapaz do rural que asistiu a unha escola con aulas cheas de nenos (entre sesenta e setenta), na que era moi habitual ter que faltar para botar unha man nos traballos da casa: coidar as vacas, botar o millo... Asistiu a estas leccións entre os 6 e os 12 anos, pero as súas inquedanzas por aprender levárono a estudar pola súa conta cando era xa unha persoa adulta e con fillos.


Ós sesenta anos, unha experiencia profundamente triste fíxolle coller un bolígrafo e comezar a escribir na habitación dun hospital, mentes coidaba a un ser moi querido. Así foi como naceu a súa primeira novela: As rapazas de Xan.

Esta novela está inspirada nos anos 50 do século pasado, cando Manuel tiña tres ou catro anos de idade. Sinalou que naquel momento todas as aldeas eran máis ou menos iguais, e que a forma de vida no rural galego non era moi diferente daquela que puido existir durante a Idade Media.

Comeza a escribir de temas que lle chamaban moito a atención cando era pequeno. Un deles é o das “nais solteiras”. Mulleres que, por ter un fillo sen estar casadas, quedaban marcadas para a sociedade de por vida mentres que os pais deses rapaces non tiñan ningún tipo de responsabilidade sobre eles.

Outro tema do que nos falou foi o da emigración. Nesa época as familias tiñan moitos fillos e non había para darlles de comer a todos. Manuel tivo que despedirse de tíos e primos que marcharon para América e que nunca máis volveron.


Tamén nos falou do moito que avanzou a Galicia rural dende entón e para iso fixo referencia á súa segunda novela: “Que non te aten”. Destacou que estamos entre as zonas máis modernas de Europa en canto a benestar animal e litros de leite.

Deixounos moitas reflexións valiosas, aquí recollemos só dúas:

“Se o que creas te emociona, entón é arte”

“Nunca perdades o contacto coa natureza”


Gracias Manuel por achegarte ata o centro e compartir co nós os teus coñecementos!

Esperamos volver a verche pronto!

Comentarios

Publicar un comentario