Mazabol

O Mazabol é un xogo competitivo no que dous equipos se enfrontan para ver quen marca máis puntos. O obxectivo é sumar máis puntos que o equipo rival ao final do encontro.

CAMPO DE XOGO

Pode ser calquera lugar no que se poidan instalar dúas porterías cuns longos paus verticais sobre as dúas escuadras.

MATERIAIS NECESARIOS

Un pau de plástico por xogador/a, recuberto de espuma por un dos extremos.

Unha pelota branda de tamaño medio.

PARTICIPANTES

Árbitro/a: dirixe o partido.

Porteiro/a: pode deter o balón co pé, coas mans ou co pau.

Defensa: coida de que os atacantes rivais non cheguen máis alá da zona de defensa.

Mediocampista: axuda tanto na defensa coma no ataque.

Atacante: o seu obxectivo é introducir o balón na portería rival.

REGULAMENTO

Xogan 5 persoas por equipo: un/ha porteiro/a e catro xogadores/as de campo. O equipo debe ser mixto.

No saque inicial deberá saltar un/ha xogador/a de cada equipo, normalmente o/a capitá/n.

Para sacar coa maza un balón parado, este deberá dar un bote antes.

Só se poden dar dous toques co pé, pero coa maza pódense dar toques ilimitados.

Se se puntúa por riba da portería, o xogo continúa.

FALTAS

Dous contra un, é dicir, se dúas persoas do mesmo equipo atacan ou defenden unha mesma persoa do equipo rival.

Cargas con forza excesiva.

Calquera tipo de golpe, patada etc.

Batear sen xeito.

SANCIÓNS/EXPULSIÓNS

Mala actitude ou faltas de respecto.

Realizar unha falta para facer dano.

Perder tempo.

Tocar o balón por parte do público para favorecer un dos dous equipos.

Estragar o material adrede.

O tempo de expulsión varía segundo a consideración do árbitro.

 

PUNTUACIÓN

Se se anota co pé por riba (entre os dous paus verticais) é 1 punto, pero se se anota co pé por debaixo (na portería) son 2 puntos.

Se se anota co pau por riba (entre os dous paus verticais) son 3 puntos, pero se se anota co pau por debaixo (na portería) son 6 puntos.

 

Este ano disputamos no centro un campionato de Mazabol no que participou todo o alumnado. O equipo gañador foi Os Cookies, composto por xogadoras e xogadores de 3º de ESO: Yury, Fabio, Darío, Brais Lago, BraisCarreira, Samuel e Ramiro.

 

Guillermo Tubío, 1º de ESO.

Comentarios