O CPI A Picota participa na campaña “Falemos + galego” organizada polos centros de secundaria da Costa da Morte

O CPI A Picota únese á fermosa iniciativa promoven varios centros da Costa da Morte (ademais do noso, os IES Fernando Blanco e Agra de Raíces de Cee, o IES Fin do Camiño e o CPR Nosa Sra. do Carme de Fisterra, o IES Ramón Caamaño de Muxía, o IES Terra de Soneira de Vimianzo, o IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto-Camariñas, o IES Maximino Romero Lema de Baio-Zas, o CPI de Zas, o CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso) dentro dunha campaña conxunta a prol do uso da lingua galega, “Falemos +galego”.


 

A proposta baséase no "orgullo de pertencer á Costa da Morte, unha área que destaca no uso do galego, e remover conciencias e xerar estímulos para incrementar o seus usos", sobre todo entre a xente nova. Trátase de incrementar o número de persoas galego-falantes, partindo da poboación xuvenil que cursa estudos de educación secundaria, bacharelato e formación profesional, e buscando, tamén o impacto no conxunto da sociedade desta área.

A campaña, que se desenvolve ata final de curso, consta de dúas partes:

  1. Un concurso en cada centro que busque o lema e o logotipo máis acaído para unha campaña de fomento do uso do galego, que parta da idea do orgullo de sermos da Costa da Morte, un territorio galegofalante. Ademais, a idea do lema viría acompañada dun vídeo breve (menos de 60 segundos) para mover polas redes sociais.

  2. Unha gala de todos os centros participantes, na que se darían a coñecer as propostas, escollidas por un xurado independente, entre as gañadoras en cada centro. Esta gala terá lugar no concello de Cee o día 20 de xuño.

Cada centro escoller o lema/logo e mais o vídeo que os representará na fase común. O día 20 de xuño darase a coñecer a proposta que nos representa a todos os centros da Costa da Morte. Esta proposta terá a finalidade de ser un elemento divulgativo común a prol do uso da lingua galega entre a xuventude, e tamén no conxunto da sociedade.

Con esta iniciativa conxunta os centros de ESO, Bacharelato e FP da Costa da Morte queren comprometerse no fomento do uso do galego. Ao mesmo tempo buscan xerar esforzos comúns nun territorio tan singular coma o noso. Tamén se trata de saír do illamento e das iniciativas pechadas nos centros para trascender os seus lindes e ter presenza e visibilidade no conxunto da sociedade. Pretendemos, asemade, que o noso alumnado se sinta parte e colabore conxuntamente nun ámbito superior ao centro e ao seu concello.

E, por suposto, o noso concello (o que maior porcentaxe de persoas galegofalantes achega nesta área), a través do seu CPI, quere estar presente nesta convocatoria!

Comentarios