Ao longo destes dous últimos cursos, no noso centro foise configurando unha ampla comunidade de alumnas e alumnos chegados de América do Sur, especialmente de Venezuela e Colombia. Como exemplo da riqueza que supón contar no centro con alumnado procedente doutras culturas, dúas estudantes de orixe colombiana, Laura Kamila e Melanie, compartiron con nós a receita dun dos “pratos nacionais” do seu país: o sancocho.
INGREDIENTES (para 6/8 persoas):
· 1 kg de costela de tenreira e/ou porco
· 1 kg de carne de galiña
· 3 plátanos verdes
· 1 iuca
· 1 kg de patacas
· 3 mazarocas de millo tenro
· 1 manchea de coandro
· 500 g de cenorias
· Sal
· Comiño
· 2 cubiños de caldo
SECO (gornición):
· 1 aguacate grande
· 1 plátano verde
· 250 g de arroz
· 2 tomates
· 2 cebolas
· Aceite
· Limón
· Sal
ZUME GUARAPO (mollo):
· Auga de panela
· 1 limón
PREPARACIÓN:
Para comezar, imos coller unha pota a presión e enchela de auga. Condimentámola con sal e comiño. Despois metemos a carne na pota e engadimos 2 cubiños de caldo para darlle máis sabor.
Logo picamos a pataca, o plátano, o millo e a iuca, e engadímolo cando a auga da pota estea a ferver.
Despois duns minutos, cun coitelo comprobamos se todo o que agregamos está brando e botamos o coandro e a cenoria relada e esperamos outro pouco para que se termine de preparar.
O sancocho leva como gornición un prato anexo chamado “seco”, cunha base de arroz (aliñado con sal e aceite) acompañada de talladas grandes de plátano verde previamente fritidas na tixola con aceite.
O seco leva por riba un prebe chamado “peteiro de galo”, elaborada con tomate e cebola mesturados con limón e sal.
Cando todo estea listo, podemos empratar o seco, que se serve cun talladas de aguacate en cru.
Finalmente, o sancocho leva tamén un zume chamado “guarapo”, elaborado con panela (cana de azucre, que se pode comprar enteira ou en po). Á panela engádeselle auga ata que se derreta e, unha vez líquida, agregamos zume de limón ao gusto.
Como vedes, é un prato un tanto laborioso de preparar, pero delicioso...
BO PROVEITO!
Comentarios
Publicar un comentario