Saída ao Museo do Gravado de Artes e á Casa-Museo de Rosalía

O 17 de abril todo o alumnado de 3º e 4º de ESO participou na excursión para visitar o museo do gravado de Artes en Ribeira e a casa-museo de Rosalía de Castro en Padrón. 

 

No museo de Artes puidemos ver tres exposicións de gravados elaborados con diferentes soportes: unha de reproducións dos orixinais de Alberte Durero, outra do galego Conde Corbal e a derradeira, do artista arxentino Néstor Goyanes. Pastor Rodríguez, o director do museo, explicounos o método de obtención das imaxes mediante as distintas técnicas e materiais, e puidemos ver algunhas das máquinas e ferramentas que se empregan nesta disciplina artística.

 

O que máis nos sorprendeu foi o sistema de creación dos debuxos animados antes da era dixital: por cada segundo de película había que realizar 25 ilustracións nas que se ía mostrando o movemento moi pouco a pouco. Iso quere dicir que nunha longametraxe de animación eran necesarias máis de 100.000 imaxes!

 

Ao saír, achegámonos ao dolmen de Axeitos, situado a escasos quilómetros do museo. Alí coñecemos a historia deste monumento megalítico, un dos mellor conservados de toda a península, e como eran os enterramentos na cultura castrexa.

O día amenceu solleiro, e iso permitiunos visitar a praia do Vilar e comer na área recreativa próxima, desde a que tamén podiamos ver as dunas de Corrubedo, as lagoas de Carregal e Vixán e a vila de Corrubedo co seu faro ao fondo.

Collemos de novo o autobús para achegarnos a Padrón, onde demos unha volta pola zona vella, o campo da feira, o paseo do Espolón, o xardín botánico... Xa na Casa de Rosalía, a guía que nos atendeu levounos cuarto por cuarto para achegarnos información sobre a vida e a obra da poeta, incluído o cuarto en que faleceu.

 
 
Aínda tivemos tempo de percorrer o xardín do recinto, cheo de camelias, loureiros e outras árbores magníficas, antes de regresarmos ao instituto.

Comentarios