Visita á Coruña: Torre de Hércules e Aquarium Finisterrae

Cando o bus arrancou na mañá do 21 de marzo, non podía imaxinar todo o que iamos ver aquel día. Era a miña primeira excursión e estiven moi feliz e moi emocionada durante toda a viaxe.

 

No camiño á Coruña vin paisaxes cuns tons moi fermosos, cheas de flora e fauna. Os campos tiñan flores amarelas, brancas, azuis... todas elas mesturadas de cor vermello; e as árbores mostraban cada unha delas un verde diferente. Entre os animais, o que máis vin foron paxaros, e tamén moitas vacas e cans, todos de cores moi diversas tamén.

O sol brillaba con intensidade e o bus entrou na Coruña, esa cidade grande, chea de xente e chea de movemento. Iso fixo que me acordase de Colombia, o meu país, e da súa capital, Bogotá. Só que na Coruña hai algo que me gusta moito, e que fun moi feliz de poder velo.

Baixamos do autobús e camiñamos ata parar nun prado cheo de verde, cheo de vida. Naquel prado estaban chantados doce menhires, que representaban doce persoas importantes para Galicia. Baixamos un pouco máis e visitamos un monumento en recordo das persoas que foron fusiladas alí. “Os Menhires da Paz” e “O Campo da Rata”, dous nomes estraños. Cada lugar conta unha historia, e aquel quedou gravado na miña cabeza.

Demo logo un paseo ata o Aquarium Finisterrae. Durante esa camiñada vin outras cousas interesantes, como a Domus (“A Casa do Home”), a Vela Inchada polo Vento de Arata Isozaki, unha escultura de Botero (un artista colombiano) e a caracola xigante do galego Moncho Amigo en Punta Herminia. Tamén paramos preto dunha estatua de Hércules e alí contáronnos a historia deste heroe grego.

Entramos no acuario e esperábanos un rapaz cun micrófono, que era o noso guía. Baixamos as plantas ao paso do guía e chegamos a unha sala subterránea rodeada de auga, peixes e outras especies mariñas. O guía contounos a historia do acuario ao tempo que nos mostraba as diferentes especies de peixes e nos explicaba as características de cada unha.

 

Logo da explicación díxonos o que podiamos ver en cada planta, e que podiamos quedar alí un cacho. E por pouco tempo que fose, para unha rapaza que vai á súa primeira excursión e que nunca estivera nun acuario foi o momento para ver con detalle (e con asombro) todo o que alí se podía contemplar.

A medida que chegabamos a cada planta, abríase un novo mundo: desde os peixes máis diminutos aos ósos dunha balea, e as miles de criaturas que convivían nun mesmo espazo. Nunca vira xuntas tantas formas, cores, tamaños..., aínda que aquel non sexa o seu espazo natural. Saímos de alí e nese mesmo momento souben que acababa de vivir unha experiencia única.

Un pouco máis cansos, subimos á Torre de Hércules. A súa estrutura externa (e interna) son impresionantes, e moi diferentes ás cousas ás que eu viña acostumada. Supuxen que subir os 461 chanzos que hai ata chegar arriba de todo valería a pena, pero non imaxinaba as vistas que que podían contemplar desde aquela cima: o mar, toda a Coruña e moitos outros lugares da súa contorna, que fixeron daquel ceo despexado unha tarde aínda máis fermosa.

 

Con Rafa, o xefe de estudos, baixamos ata unha especie de compás xigante no que estaban marcados os puntos cardinais e que tiña un gráfico e un texto en latín en cada un deles. E unha desas palabras, que xa coñecía grazas á profesora María, chamoume a atención: “Alba”. Amencer. Vendo aquela tarde, a beleza do lugar en que estaba, a xente, a cidade, a praia, o mar... Nada podía danar aquel día.

Puiden ver o que máis me gusta no mundo: o mar e unha praia cálida, un clima fresco e todas as cousas que viven nese misterio.

Moitísimas grazas a todos os que o fixeron posible por esta marabillosa oportunidade que puiden vivir.

Sara Rodríguez Baquero, 1º de ESO

Comentarios