Festival de fin de curso na Secundaria

O venres 21 de xuño o alumnado de Secundaria celebrou o seu festival de fin de curso, no que todos os cursos realizaron a súa achega para o acto, organizado pola profesora do departamento de Música, Alicia.


Os primeiros en actuar foron as rapazas e rapaces que cursan a materia de Francés nos diferentes niveis, que interpretaron a peza C'est la vie, de Mika, a mesma peza coa que participaron no festival da francofonía que tivo lugar en Vilanova de Arousa o pasado mes de maio.

 

Veu despois a quenda de 1º de ESO, quen representaron a coreografía Just Dance, caracterizados como auténticos cow-boys!

 

O curso de 2º de ESO compartiu co público varios números de batucada, en especial un popurrí coas bandas sonoras de películas clásicas de todos os tempos.

 

Pola súa banda, o alumnado de 3º de ESO converteu o escenario nunha orquestra con guitarra, batería e, sobre todo, xilófonos e metalófonos cos que interpretaron as pezas Sará perché ti amo, de Ricchi e Poveri, e a mítica We Will Rock You de Queen.

 

Pero as grandes estrelas do acto foron a banda Combo Galego, composta por alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO, que deletaitaron o público co rítmico Seven Nations Army, de The White Stripes, e o gran himno do rock and roll, a inigualable Highway to Hell de AC/DC.


A maiores, proxectouse o vídeo Na Costa da Morte falamos galego, realizado por alumnado deste curso e que recentemente gañou o premio na categoría de vídeo dentro do certame Falemos+Galego organizado polos institutos da Costa da Morte.


O acto principal dentro do festival foi a entrega de diplomas ao alumnado de 4º de ESO, que remata a súa presenza no noso centro e que a partir de agora comezará a súa andaina en diferentes tipos de formación e por distintos lugares de Galicia. Moita sorte!


O grupo de 4º tamén fixo a súa achega artística coa coreografia Limbo de Daddy Yankee.  

 

Os discursos de Rafa, xefe de estudos, e Lola, directora do CPI, pecharon o festival.

Unha xornada inesquecible que o ano que vén haberá que tratar de superar!



Comentarios