O que pasou en Sevilla queda en Sevilla

Coñecedes a expresión “O que pasa en Roma queda en Roma”? Pois o mesmo pasa coa nosa viaxe, queda para nós. Se ben é certo, hai cousas que si se poden contar e que vou tratar de resumir nas seguintes liñas.

A nosa viaxe para celebrar que rematamos unha etapa (4ºESO) comezou o 3 de abril. Tivemos que espertarnos cedo e collemos o bus na Picota ás 5:30 cara ó aeroporto. Alí recibíronnos os profes que nos ían acompañar. Ás 8:55 da mañá xa estabamos no aire e chegamos ao noso destino, Sevilla, ás 10, nerviosos e nerviosas por ver que nos depararía esta viaxe. O primeiro que fixemos foi ir ao hotel que, sendo sinceros, por fóra non nos pareceu que tiña moi boa pinta, pero cando entramos sorprendeunos para ben. Deseguido fixemos a nosa primeira visita pola cidade e xa dende o bus vimos o estadio Benito Villamarín e a Torre de Sevilla. Despois fomos ata a Plaza de España onde o noso guía Paco, moi majo por certo, nos contou moitas cousas curiosas sobre ela e púxonos o reto de ver quen encontraba primeiro os catro bancos cos nomes das provincias de Galicia. Foi moi divertido. Despois fomos visitar a catedral de Sevilla por fóra e Paco ensinounos o punto onde comeza alí o Camiño de Santiago, marcado no chan cunha placa e co símbolo da cuncha. O día rematou no hotel onde os profes nos puxeron unha hora de queda (a cal non fixemos moito caso).

O segundo día da nosa viaxe foi un pouco desastre, xa que choveu un montón. O primeiro que fixemos foi ver a Catedral e a Giralda (as vistas dende arriba eran incribles!), pero ao rematar tivemos que regresar ao hotel a cambiarnos porque estabamos empapados. Despois visitamos o Museo das Ilusións, As Setas de Sevilla e mesmo puidemos ver, dende o bus, unha procesión de Semana Santa. Pola noite, ceamos no hotel e alí coincidimos cun colexio de Madrid co que algún fixo algunha nova amizade…

O terceiro día pasámolo na Isla Mágica. Alí montamos en diversas atraccións, a que máis nos gustou a case todos foi a dos barrís que daban voltas. Tamén queríamos montar nos globos aerostáticos, pero había moito vento e non puido ser. De volta no hotel atopámonos con outro colexio, esta vez un grupo de portugueses e portuguesas moi agradables.

No cuarto día volvemos ver a Paco, o guía, que notou o noso cansazo acumulado xa que comentou que apenas falabamos e tiñamos cara de durmidos. Visitamos o Real Alcázar e Paco contounos a súa historia. Cando chegamos aos xardíns púxonos o reto de ver quen saía primeiro do labirinto e logo deixounos tempo para visitar o lugar pola nosa conta. O resto do día aproveitamos para comprar recordos, sacar fotos, ver a Torre de Ouro… Volvemos cedo ao hotel para facer as maletas xa que ao día seguinte marchabamos.


O último día espertámonos moi cedo, pois tiñamos unha longa viaxe de volta. Primeiro collemos un bus de dúas horas e media de Sevilla a Málaga. En Málaga collemos o primeiro avión a Barcelona onde chegamos ás 15:20h. Alí estivemos ata as sete, hora na que collemos o avión que nos trouxo de volta a Santiago. Chegamos a Santiago ás dez e alí tivemos que coller outro bus de volta para a Picota, onde nos esperaban os nosos familiares.

Para algún esta foi a primeira viaxe sen a familia e, aínda que nos pareceu pouco tempo, pasámolo moi ben. Queremos agradecerlle os profesores, Patricia e Rafa, que nos acompañaron, os pais e nais e a todas as persoas que fixeron que esta viaxe se puidera realizar, xa que quedará para sempre na nosa memoria. Grazas, pasámolo xenial!!!


Andrea Alvela Rodríguez, 4ºESO 


Comentarios