Durante todo este curso, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega desenvolveu un traballo de investigación denominado Os nomes da terra, os nomes da xente, para buscar a relación entre os apelidos do alumnado e os nomes de lugar do concello de Mazaricos.
Con ese obxectivo clasificáronse e analizáronse os 454 apelidos (163 unha vez eliminadas as repeticións) das 227 rapazas e rapaces que cursan estudos no CPI A Picota. De todos eles, unha vintena correspóndense con localidades do noso concello. Son os seguintes: 1. Arcos, 2. Atán, 3. Cacheiro, 4. Casais, 5. Castro, 6. Cives, 7. Costa, 8. Figueira, 9. Gesto, 10. Grille, 11. Insua, 12. Lago, 13. Olveira, 14. Otero, 15. Quintáns, 16. Recarey, 17. Sande, 18. Santabaya, 19. Valle, 20. Vilar.
Ademais,
pescudamos a orixe e o significado de todos os apelidos recompilados, e
descubrimos que moitos deles tamén son nomes de lugar, pero non de Mazaricos
senón doutros concellos próximos, o que parece confirmar a nosa idea de partida
de que os apelidos desta zona están intimamente ligados á toponimia da nosa
bisbarra.
A maiores dos apelidos derivados dun nome de lugar, inclúense outros de diversa procedencia, como os patronímicos (case sempre co significado de ‘fillo de’: Fernández, González, Rodríguez...), os referidos a unha profesión (Ferreiro) ou os que fan alusión a un alcume, tanto polo aspecto físico (Formoso) como por algunha outra calidade (Pensado).
Tamén, noutra parte do traballo, investigamos sobre a procedencia dos apelidos foráneos, cada vez máis frecuentes na nosa zona grazas á chegada de familias doutros lugares de Galicia, do resto de España e do resto do mundo. E atopamos apelidos dunha morea de países!
O traballo íntegro pode lerse e descargarse nesta ligazón.
E nestes dous mapas interactivos pode observarse a información de forma gráfica.
Comentarios
Publicar un comentario