Excursión de fin de curso. 4ºESO

DÍA 1

O noso primeiro día comezou moi cedo, xa que saímos do colexio ás seis da mañá rumbo ao

Aeroporto de Santiago de Compostela. Alí collemos o avión ás nove, cheos de ilusión, para voar ata

o noso destino: Madrid.

Ao chegar, un autobús estaba agardándonos para levárnos a dar unha volta panorámica pola cidade.

Durante toda a mañá, un guía acompañounos e explicounos, de forma xeral, os lugares máis

emblemáticos de Madrid. Despois, fomos ao hotel, o Room007 Gran Vía Hostel, onde deixamos as

maletas e nos instalamos un pouco. Á hora de xantar, cada quen decidiu onde comer.

Pola tarde, volvemos a xuntarnos e continuamos a nosa visita pola Porta dol Sol, onde tamén vimos

o famoso Kilómetro Cero.

Ademais, tivemos un tempo libre para pasear cos compañeiros, tomar algo e facer algunhas

compras.

Máis tarde, de camiño ao hotel, pasamos pola Gran Vía, unha das rúas máis coñecidas da cidade.

Ao chegar, aseámonos, puxemos o pixama e baixamos a cear no hotel, onde comemos non moi

ben..., e logo algúns de nos fomos dar unha volta pola Gran Vía co profesor Javi, xa que a noite

acompañaba para pasear e pronto nos fomos para o hostal a descansar despois dun día tan

completo.

2 DÍA

No segundo día da nosa excursión, espertamos con moitas ganas de seguir explorando a cidade. O

primeiro que fixemos foi baixar a almorzar no hotel, o Room00 Gran Vía Hostel, onde nos agardaba

un bufete moi variado. O almorzo estaba delicioso, así que nos fartamos ben para ter enerxía para

todo o día.

Despois, subimos ás habitacións para arranxarnos. A nosa primeira parada foi o Museo de las

Ilusiones Madrid, un lugar realmente orixinal cheo de xogos visuais, ilusións ópticas e salas

sorprendentes que fan que vexas as cousas dun xeito diferente. Foi unha experiencia moi divertida,

xa que puidemos sacar fotos curiosas e pasar un rato estupendo cos compañeiros. Ao rematar,

dirixímonos ao Templo de Debod, un auténtico templo exipcio que Exipto regalou a España. Está

situado nun parque e é ao aire libre, así que puidemos pasear polos arredores, sacar fotos e gozar

das vistas. É un lugar moi especial e diferente dentro da cidade. Á hora de xantar, cada quen decidiu

ir pola súa conta.

Pola tarde, volvémonos reunir para continuar coa visita, desta vez ao Palacio Real de Madrid, un dos

edificios máis impresionantes da cidade. Xusto enfronte está a Catedral de la Almudena, que tamén

visitamos. Entramos con respecto, xa que había xente rezando, e sentámonos un momento para

observar o ambiente tranquilo do lugar. Despois, tivemos tempo libre para facer diferentes

actividades: algúns foron de compras, outros pasearon ou tomaron algo, e cada quen aproveitou o

momento ao seu gusto. Cando chegou a hora, volvemos ao punto de encontro para regresar ao

hotel.

Alí, aseámonos, puxemos o pixama e baixamos a cear todos xuntos, rematando así outro día cheo

de experiencias.

3 DÍA


O terceiro día foi, sen lugar a dúbidas, o máis emocionante de todos, cheo de aventuras. Ese día,

fomos ao Parque Warner Madrid, un parque temático que captura a esencia do cine e dos icónicos

personaxes de Warner Bros. Alí, disfrutamos de moitas atraccións, desde montañas rusas que nos

enchían de adrenalina ata espectáculos e zonas temáticas dedicadas a superheroes e debuxos

animados.

Foi un día cheo de diversión, onde rimos a carcaxadas, berramos nas atraccións e compartimos

momentos realmente especiais cos nosos amigos. Despois de pasar toda a xornada no parque,

volvemos ao hotel bastante cansos, pero tamén moi felices pola experiencia que vivimos.

Ao chegar, ceamos todos xuntos e, sen moitas forzas, fomos directamente a descansar, xa que o día

fora realmente intenso.

4 DÍA

O cuarto día non comezou con tanta enerxía como os anteriores. Algúns de nós xa nos sentíamos un

pouco máis cansos e non estábamos tan animados como ao principio, pero, a pesar diso, non era un

día para deixar de aproveitar.

Comezamos a mañá cunha visita ao Museo del Prado, un dos museos máis destacados de España.

Alí, tivemos a oportunidade de admirar obras de artistas tan renomeados como Francisco de Goya e

Diego Velázquez. Cada un de nós explorou os cadros que máis lle chamaban a atención, e fixemos

unha pequena pausa na cafetería do museo antes de continuar coas nosas exploracións. Á hora de

xantar, regresamos para comer preto do hotel.

Pola tarde, gozamos de tempo libre para descansar. Algúns decidiron saír a explorar o Parque del

Retiro, un dos parques máis emblemáticos de Madrid, famoso polos seus xardíns, o estanque e a

súa atmosfera tranquila. Outros, en cambio, preferimos quedarnos no hotel para recuperar forzas, xa

que despois de varios días de excursión e pouco descanso, o cansazo comezaba a notarse.

Pola noite, cada quen organizou a súa cea: algúns comeron no hotel e outros optaron por pedir algo

de fóra. Finalmente, fomos a durmir cedo, xa que ao día seguinte nos esperaba o último día da viaxe.

5 DÍA

O último día comezou como os anteriores, almorzando no hotel e preparándonos para aproveitar as

últimas horas da viaxe. Aínda que xa se notaba o cansazo, tiñamos moitas ganas de rematar a

excursión vendo algunhas cousas máis.

Pola mañá, dirixímonos ao Teatro de la Zarzuela. Alí, un guía chamado Javier acompañounos e

contounos a historia do lugar de forma moi entretida. Incluso organizou algunhas actividades e xogos

para que todos participásemos e aprendésemos máis, o que fixo a visita moito máis divertida e

interesante.

Despois, continuamos cunha pequena visita e, máis tarde, fomos ao barrio de Chueca, unha zona

moi coñecida de Madrid, chea de vida, tendas e ambiente. Paseamos polas súas rúas e

aproveitamos para coñecer un pouco máis a cidade no noso último día. Á hora de xantar, cada quen

decidiu onde ir.

Despois, volvemos recoller as maletas e dirixímonos ao aeroporto para comezar a viaxe de regreso.

No Aeroporto de Santiago de Compostela, unha vez chegados, un autobús recolleunos e levounos

de volta ao colexio.


Alí estaban as nosas familias agardando por nós, e chegou o momento de despedirnos dunha viaxe

que quedará gravada na nosa memoria. Despois de tantos días cheos de risas, experiencias e

momentos únicos cos nosos compañeiros, costábannos un pouco as despedidas. Esta excursión non

só nos deu a oportunidade de descubrir lugares como Madrid, senón que tamén nos permitiu crear

recordos que nos acompañarán para sempre. Sen dúbida, foi unha experiencia moi especial que

levaremos sempre no corazón.


Carla Recarey Beiro

Brais Capelo Martínez

Comentarios