O mércores 13 de decembro desenvolveuse no centro o obradoiro Como afrontar os cambios físicos, psicolóxicos e emocionais que se dan na adolescencia, dirixido especialmente ás familias da nosa comunidade educativa e impartido pola sexóloga Martina González Veiga do centro Con Mucho Gusto!, con amplia e exquisita formación e experiencia educativa.
Como di o psiquiatra estadounidense Daniel Siegel, “a adolescencia será a esencia da adultez”. Nesta etapa acabarán de asentarse as bases de como se relacionarán as persoas adolescentes cando sexan persoas adultas.
Martina González abordou por un lado os coidados físicos e por outro coidados emocionais, tratando de dar ferramentas ao adulto para facer fronte a estes cambios mediante o respecto e o diálogo. Centrouse en tratar cuestións como:
- Principais cambios físicos, psicolóxicos e emocionais que se dan na adolescencia.
- Desenvolvemento da sexualidade e da identidade sexual nesta etapa e da importancia dun bo acompañamento adulto.
- Cambios nas relacións na adolescencia coa familia e cos iguais.
- Claves para facilitar a comunicación e a educación sexual.
- Ferramentas para que as familias poidan acompañar do mellor xeito posible esta etapa tan importante do desenvolvemento sexual.
Cómpre indicar que se buscou facilitar a participación familiar, organizando de maneira simultánea o obradoiro A saúde emocional dos nenos e dos adolescentes. Sonoterapia e xestión emocional, de Experiencia Wellness.
Ambas as actividades foron organizadas en colaboración entre coordinadoras do CP Inclúe e a ANPA. Impartíronse fóra do horario lectivo, polo que a conciliación favoreceu a presencia das familias na actividade.
Aínda que a temática parecía ir dirixida á familias de alumnado preadolescente, a sexóloga recomendaba invitar a participar a todas as familias, como así se fixo.
Comentarios
Publicar un comentario