II Xornadas Interculturais. Charla dirixida ás familias

O 28 de xaneiro e como parte do programa das II Xornadas Interculturais celebradas no CPI da Picota, tivo lugar unha charla dirixida ás familias, impartida pola Asociación de Migrantes Amiga. A formación foi conducida por dúas avogadas —unha delas Maite Bustamante presidenta da propia asociación— xunto coa traballadora social da entidade, quen achegaron unha visión profesional e próxima sobre a realidade das persoas migrantes.

A actividade estaba pensada para todas as familias do centro, aínda que finalmente contou coa participación de seis pais e nais migrantes. O obxectivo principal da charla foi dar a coñecer as dificultades coas que se atopan as persoas migrantes ao chegar ao noso país, así como explicar cales son os primeiros pasos necesarios para iniciar o proceso de regularización administrativa.

Tendo en conta o perfil das persoas asistentes, a sesión adaptouse ás súas necesidades reais, centrándose nas dificultades persoais e na situación administrativa concreta na que se atopa cada unha destas  familias na actualidade. Ademais, ofreceuse información práctica sobre os procedementos para homologar ou equiparar as titulacións académicas obtidas nos países de orixe.

As familias participantes valoraron moi positivamente esta iniciativa, agradecendo especialmente a cercanía e claridade das explicacións. Desde a Asociación Amiga, a súa presidenta mostrou a súa disposición a volver ao centro no mes de abril para informar ás familias migrantes sobre o novo Real Decreto de regularización extraordinaria, cuxa publicación está prevista para o mes de marzo.

Unha experiencia enriquecedora que pon de manifesto a importancia de crear espazos de información, acompañamento e apoio para favorecer a inclusión e a igualdade de oportunidades.

Comentarios