Letras Galegas 2024: Luísa Villalta

Aínda que o 17 de maio non é lectivo, arredor da data das Letras Galegas realizáronse no noso centro diversas actividades centradas na figura da autora homenaxeada nesta edición: a poeta Luísa Villalta.

O mércores 16 recibimos a visita do grupo de música e baile tradicional da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, nunha colaboración que se estableceu hai anos e que se repite cada curso. Varias integrantes desta agrupación (algunhas delas estudantes no noso centro) actuaron para todo o alumnado con pezas de danza tradicional e pandeireta. Na última actuación incluso conseguiron que todas e todos os presentes participasen nunha gran roda! 

Esta actividade estivo organizada polo departamento de Música de Secundaria.



 

Ese mesmo día, todo o alumnado de 1º de ESO desprazouse ao edificio de Infantil e Primaria para lles facer unha visita literaria ás súas compañeiras e compañeiros máis novos. Unha vez alí, compartiron con eles información sobre o significado do Día das Letras Galegas e léronlles unha breve biografía de Luísa Villalta. A continuación, en cada unha das clases recitáronse varios textos poéticos, algúns deles da propia autora homenaxeada este ano.


Os edificios de Primaria e Secundaria están estes días decorados con carteis informativos sobre a vida e a obra de Luísa Villalta, ademais doutros elementos como a súa imaxe ou as cubertas dalgunhas das súas obras (non todas poéticas, porque Villalta tamén publicou textos narrativos, teatrais e de ensaio).



Comentarios