Celebración do Día Mundial do Medio Ambiente

O 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, foi celebrado no noso centro mediante unha exposición de exemplares da flora local do concello de Mazaricos, unha actividade enmarcada no proxecto Fitofaladoiro, no que o CPI A Picota participa neste curso 2023-24. Da montaxe encargouse a responsable do departamento de Plástica de Secundaria, Basilisa Fiestras.

O alumnado de Primaria e Secundaria realizou as súas achegas ao repositorio, que tomou forma de herbario no que, ademais de amosar os exemplares recompilados, tamén se deu conta do seu nome (ou nomes, porque ás veces a mesma planta ten diferentes denominacións) e das súas propiedades, usos ou calidades.

 

Antes de seren expostas na entrada do edificio de Secundaria, as plantas foron debidamente prensadas e deshidratadas para non apodreceren. 

Quen máis, quen menos aprendeu un chisco de léxico, de bioloxía ou mesmo dos costumes e tradicións da nosa bisbarra, onde a natureza se presenta de xeito exuberante. Algunha cousa boa tiña que ter tanta chuvia!

 
 




Comentarios