O alumnado de 6º de Primaria do noso colexio entrevistou o equipo directivo para falaren con eles sobre un dos temas máis relevantes na dinámica de calquera centro: o acoso escolar.
A directora, Lola; o xefe de estudos de Secundaria, Rafa; e o secretario, Óscar responderon as preguntas dos rapaces e rapaces do último curso da Primaria, que o ano que vén continuarán os seus estudos no edificio de Secundaria. A súa titora, Mónica, foi a encargada de coordinar o labor das futuras e futuros xornalistas.
Cómpre recordar que o alumnado do noso cole ten ao seu dispor o servizo Punto Laranxa (tamén o Punto Laranxa virtual), ao que calquera alumna ou alumno se pode dirixir para comunicar calquera conflito que poida xurdir na convivencia diaria no centro. E non só como vítima, senón como testemuña tamén.
Máis alá das cuestións administrativas ou dos procesos burocráticos, na conversa quedou claro que as persoas que que se senten vítimas dun trato indebido por parte dalgún outro membro da comunidade educativa pode contar co apoio do equipo directivo do centro.
Sexa como for, o máis importante neste caso é o labor de prevención, é dicir, evitar que se produzan casos de acoso entre o noso alumnado. E para iso, as compañeiras e compañeiros desenvolven unha misión fundamental. Quen comunica un caso de acoso non é un "chivato", senón un heroe ou unha heroína que ás veces lle poden salvar a vida á persoa acosada.
A entrevista pode escoitarse integramente nesta ligazón.

Comentarios
Publicar un comentario