Na Picota recibimos a visita do IES Catabois de Ferrol

O mércores 19 de xuño recibimos no noso centro a visita dun grupo de 13 alumnos e alumnas do IES Catabois de Ferrol, acompañados polos seus profesores Isa, Patricia e Xabier.

 

Parte do alumnado visitante coincidira connosco na viaxe que no mes de xaneiro realizou a Andorra o alumnado de 4º de ESO, mentres que outra parte eran membros do EDLG do IES de Catabois.

A primeira parte da xornada de convivencia consistiu nunha visita á SAT Busto-Corzón de Mazaricos, onde da man de José Manuel, un dos seus socios, coñecemos a historia da sociedade e como é un día de traballo na explotación. Ademais, visitamos as instalacións e tivemos ocasión de ver como é o proceso de muxidura.


O tempo non acompañou para podermos gozar dunha comida ao aire libre, así que tras a visita á SAT Busto-Corzón regresamos ao instituto para xantarmos todos xuntos e logo disputar un campionato de billarda. 

A rapazada de Ferrol, que nunca practicara este deporte, axiña entendeu a súa mecánica e demostraron ser uns excelentes xogadores.

Anxo, o profesor de Educación Física organizador da actividade, agasallou o alumnado do IES Catabois con cadansúa billarda serigrafada e mais o palán correspondente.

 

Agora xa só nos queda devolverlles a visita o curso que vén!



Comentarios