O Proxecto Ríos nace no 2005 ligado á asociación ecoloxista ADEGA como un programa de ciencia cidadá no que mediante actividades de divulgación e voluntariado ambiental decenas de asociacións, centros de ensino ou persoas particulares implícanse na avaliación e diagnóstico do estado dos nosos ríos. Estas actividades van dende inspeccións periódicas de diferentes tramos ata limpezas simultáneas por todo o territorio.
O mércores 29 de maio Marta, a profesora de Bioloxía, xunto coas persoas responsables do proxecto en ADEGA achegáronse ata a nosa localidade para acompañar o alumnado de 1º de ESO nesta tarefa.
Explicáronnos a importancia destas actividades para a custodia do noso territorio e a importancia da posta en valor do traballo das persoas voluntarias coma nós para a conservación do noso patrimonio ambiental.
Analizamos o estado físico-químico das augas, coñecemos e cuantificamos os nomes das plantas de ribeira e dos invertebrados atopados no leito do río e concluímos que afortunadamente o noso río dispón de boa saúde!
Lamentablemente Augas de Galicia acaba de retirar o apoio económico a todas as actividades do Proxecto Ríos no ano 2024, co que se pon en risco a súa continuidade. Agardemos que esta situación cambie e poidamos nos próximos cursos seguir participando desta valiosa actividade.
Longa vida ao Proxecto Ríos!






Comentarios
Publicar un comentario