Festival de Nadal. Secundaria

O pasado mércores 17 de decembro de 2025, o CPI Plurilingüe A Picota celebrou o seu tradicional Festival de Nadal organizado polo Departamento de Música e o seu docente de Música Efraím Díaz.

O concerto reuniu ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO nun repertorio variado que percorreu diferentes épocas e estilos musicais, desde a música medieval ata a creación contemporánea, pasando pola tradición galega, a música cinematográfica e cancións populares europeas e incluso orientales.

O alumnado de 2º ESO interpretou Laudemus Virginem, pertencente ao Libre Vermell de Montserrat, o canon Frère Jacques e a melodía popular francesa Ah! Vous dirai-je, Maman. Pola súa parte, 3º ESO presentou Ven bailar, Carmiña Carmela e unha adaptación de O bo, o feo e o malo de Ennio Morricone. En 4º ESO destacaron a interpretación da canción tradicional xaponesa Ho taru Koi, a panxoliña Noite de Paz e a aproximación á música contemporánea coa obra 4’33’’ de John Cage, que nos fai pensar si existe realmente ou non o silencio.O festival rematou cunha interpretación conxunta da Cantiga C das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio, na que participaron estudantes dos tres cursos da ESO.

A actividade serviu para amosar o traballo desenvolvido nas aulas durante o trimestre, fomentando a interpretación colectiva, a escoita activa e o achegamento práctico ao patrimonio musical de distintas culturas e épocas.

Comentarios